Thursday 02 de May de 2024

Clara Pino e Pablo Vidal descóbrenlle ao público a Xela Arias máis íntima


O público que se achegou na tarde deste martes 25 ao Auditorio do Museo Valle-Inclán tivo a oportunidade de desfrutar da charla musicada Irás, Dirás, Virás, unha homenaxe a Xela Arias, autora protagonista das Letras Galegas neste 2021.

As persoas asistentes puideron coñecer así o lado máis íntimo da editora, tradutora, poeta e profesora, que se converteu na quinta muller a quen se lle dedica esta celebración instituída en 1963, tal e como indicou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).

O acto comezou con Clara Pino ofrecendo un repaso pola amizade que a unía a Xela, e reviviu especialmente a época universitaria que compartiron nos anos 90. Así mesmo, expuxo algúns datos biográficos e afondou nalgunhas das súas obras que tamén constitúen un reflexo das distintas etapas vitais nas cales atopaba a homenaxeada no momento da súa confección: Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome.

Deseguido, procedeuse coa proxección dun dos seis episodios que compoñen a serie documental producida pola Real Academia Galega arredor da figura da poeta. Finalmente, con Pablo Vidal ao piano, puxeron o toque musical á xornada coa interpretación de varios poemas.

A dita actividade enmárcase na programación impulsada con motivo do Día das Letras Galegas dende a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal.